Sunday 05 de May de 2024

O Concello reforza o servizo de socorristas dando servizo por primeira vez á zona de baño do Parrote


Unha aplicación móbil permitirá aos usuarios das praias reportar calquera incidente acurtando así os tempos de respostaa

Durante este verán, e cinco días á semana, desenvolveranse actividades orientadas a que nenas e nenos en idade de 4 a 14 anos se formen en técnicas de salvamento deportivo

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, presentou hoxe o dispositivo que velará pola seguridad durante a tempada de praias, que comezará este mércores, 15 de xuño e que terá unha duración de tres meses e rematará o vindeiro 14 de setembro.

Juan Ignacio Borrego e o director da Área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, explicaron os detalles do plan municipal de vixilancia e prevención, que contará cun dispositivo reforzado de 32 efectivos —dous máis que o ano pasado—, entre socorristas, patróns e técnicos de ambulancia. A maiores, o Concello disporá 200 horas adicionais de servizo, para reforzalo segundo as necesidades.

Neste sentido, as persoas socorristas estarán distribuídas entre oito enclaves: Riazor, Orzán, Matadoiro (18 socorristas, ademais da persoa coordinadora); praia das Lapas (2); Santo Amaro (3); Oza e a punta de Santa Cristina (6); e a nova zona de baño no Parrote, que abrirá ao público este mércores despois de que o persoal municipal rematase a semana pasada os traballos de balizamento e mellora nos accesos. A nova zona de baño do Parrote, impulsada polo Goberno de Inés Rey, estará localizada xunto ao espigón e forma un rectángulo paralelo ao paseo peonil cunhas medidas aproximadas de 150 metros de ancho e 50 metros de longo. Dous socorristas vixiarán o lugar durante a tempada de baño, e haberá dispoñible unha moto de auga e unha ambulancia na zona.

Tres motos acuáticas
Nesta nova tempada de praias no termo municipal da Coruña, as persoas socorristas e patróns contarán con tres motos acuáticas e tres táboas de rescate; e o servizo de ambulancia, composto por persoal condutor, médico e enfermeiro, dunha radio e teléfono de comunicación co resto do equipo de salvamento. Neste sentido, o dispositivo de comunicación entre os efectivos abrangue unha emisora por cada socorrista que estea traballando e unha emisora de canle náutica para cada embarcación e posto.

Ademais, cada punto de vixilancia do persoal de salvamento e socorrismo contará co material sanitario necesario para atender a cidadanía.

Formación en salvamento acuático para rapazas e rapaces
De cara a esta tempada de praias, e como novidade, o Concello da Coruña, a través dun acordo coa Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), adhírese ao Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade, para promover actividades formativas en salvamento acuático entre nenas e nenos en idade de 4 a 14 anos.

O plan de actividades, que se levarán a cabo entre o 20 de xuño e o 15 de setembro, levarase a cabo nas praias de Riazor, Orzán e San Amaro, en espazos controlados onde as nenas e nenos poderán achegarse ás técnicas de socorrismo e coñecer polo miúdo os procesos de adestramentos do persoal de vixilancia, tanto en terra como en auga.

As sesións levaranse a cabo de luns a venres, distribuídas en catro sesións de hora e media cada unha (11.00 a 12.30; 13.00 a 14.30; 16.00 a 17.30; e 18.00 a 19.30). As localizacións dispoñibles, por días, son as seguintes:
● Praia de Riazor: Luns a venres.
● Praia do Orzán: Luns, mércores e venres.
● Praia de San Amaro: Martes e xoves.
As actividades, orientadas ao gozo das rapazas e rapaces, serán tanto individuais como colectivas, e adaptaranse en función das necesidades e as características do alumnado segundo as súas idades e capacidades.

A inscrición nas sesións poderá realizarse a través da CEUS App, unha aplicación que estará asociada á web da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), e que habilitará, ademais, unha canle de comunicación directa entre bañistas e socorristas.

Esa mesma aplicación permitirá aos usuarios das praias reportar directamente calquera incidente que aconteza na súa contorna, acurtando así os tempos de resposta dos profesionais de emerxencias.